Galicia defenderá ante a Federación Española reducir a Segunda B a dous grupos de 20 equipos

Pontevedra
22 de marzo 2018

Os clubs galegos acordaron por maioría nunha reunión convocada pola Federación Galega de Fútbol levar ao Congreso Nacional de Fútbol Afeccionado unha proposta de profunda reestruturación das categorías de Segunda B e Terceira División

Reunión cos clubs galegos de Segunda B e Terceira na Federación Galega de Fútbol o día 3 de marzo
Reunión cos clubs galegos de Segunda B e Terceira na Federación Galega de Fútbol o día 3 de marzo / Real Federación Galega de Fútbol

A Real Federación Galega de Fútbol defenderá ante a Federación Española unha proposta de profunda reestruturación para as categorías de Segunda División  B e Terceira División.

Así o acordaron os clubs implicados tras varias reunións cos reitores do fútbol autonómico, a última o pasado martes 20 de marzo en Santiago de Compostela. Agora a súa proposta será levada ao IV Congreso Nacional de Fútbol Afeccionado que se celebrará os días 10 e 11 de maio en San Sebastián.

O Congreso Nacional ten como obxectivo a análise das conclusións alcanzadas a nivel autonómico, ao obxecto de emitir as conclusións finais que se trasladarán á Real Federación Española de Fútbol.

O máis rechamante da proposta que defenderá Galicia afecta o número de equipos e grupos que disputarían ambas as categorías. Desta forma a Segunda  B, se saíse adiante esta idea, pasaría a contar con só dous grupos de competición de 20 equipos cada un, polo que se reduciría a categoría en 40 equipos dos 80 actuais que militan nos seus 4 grupos.

En canto á Terceira División os 18 grupos actuais veríanse reducidos a 8, polo que pasarían a estar configurados en función de criterios de proximidade xeográfica e os equipos galegos competirían contra conxuntos asturianos ou leoneses.

Ademais o texto, aprobado pola maioría dos clubs galegos presentes, expón outros aspectos como fixar un orzamento mínimo de 600.000 euros en Segunda  B e de 200.000 euros na Terceira División, e requisitos a nivel de instalacións mínimas para poder competir nestas categorías.

Outra das propostas pasaría por ampliar o número de fichas sénior por equipo da Segunda B das 16 actuais a 18, ampliando tamén o número de futbolistas máximo por plantel a 25.