"Ganar en casa tiene que ser la leche", asegura Lucía Vázquez ante o Nacional de BTT

Vilaboa
14 de xullo 2016

A ciclista de Vilaboa parte entre as favoritas da categoría absoluta feminina no Campionato de España de BTT que se disputa desde este venres en Maceda. Na localidade ourensá, representando ao equipo galego, tamén estarán Lara Lois (C.C. O Grove) e Martín Tomé (Marín) 

Lucía Vázquez durante a Taça de Portugal en Valongo Lucía Vázquez

A localidade ourensá de Maceda acolle esta fin de semana, de venres a domingo, o Campionato de España de BTT, no que Lucía Vázquez parte como unha das favoritas na proba de cross country feminina.

"Ganar en casa tiene que ser la leche, increíble", defende a ciclista de Vilaboa, que formará parte tamén do cuarteto da Selección de Galicia na proba de remudas por comunidades autónomas, o Team Relay.

Á corredora tráelle bos recordos o circuíto de Maceda, xa que hai un ano proclamouse alí campioa autonómica: "Se va a hacer duro. Está muy seco y las bajadas cada vez más sueltas y peligrosas. Se necesita tener mucha destreza y técnica para rodar cómoda. Me gusta y se adapta a mis características", sinalou a pontevedresa.

Rocío Martín, Sandra Santanyes, Claudia Galicia e Anna Villar serán as súas principais rivais na loita polo primeiro posto, que sería o primeiro campionato de España absoluto do seu palmarés, despois do bronce logrado hai un ano en Valladolid.

Na localidade ourensá, representando ao equipo galego, tamén estarán Lara Lois (C.C. O Grove) e Martín Tomé (Club Ciclista Marín).