O Club Bádminton Ravachol Pontevedra está aínda asumindo a súa eliminación nas semifinais polo título de liga, pero faino co orgullo de ter asinado unha tempada histórica para o bádminton pontevedrés e galego.
O potente Rinconada de Sevilla, 12 veces campión de liga, acabou co soño do Ravachol, pero a súa campaña non pasou desapercibida.
Así se reflicte na elección dunha das súas xogadoras, Georgina Bland, como deportista máis valiosa (MVP) da competición de liga na máxima categoría, a División de Honra.
Este recoñecemento chega tras asinar a británica unhas estatísticas brillantes este curso, con 11 triunfos nos seus 13 partidos xogados durante a fase regular que foron clave no bo papel do seu equipo en liga.
O premio pon fin a "unha tempada de ilusión", recoñece o técnico do Bádminton Ravachol, Jesus Pereiro. "Somos terceiros de División de Honra. Podemos estar moi orgullosos do resultado. Nun momento tan especial para o club, só podo dar as grazas a todos os meus deportistas, os que estiveron na pista e todos os que achegaron durante todo o ano para que o equipo puidese alcanzar o que parecía imposible", afirmou o preparador.
Finalizada a liga o Ravachol pon agora o foco nas competicións individuais, pensando xa en conformar de novo un equipo competitivo de cara ao próximo curso, no que competirá por quinto ano consecutivo na máxima categoría nacional.