Unha vez máis o azar non foi favorable ao Pontevedra Club de Fútbol nun sorteo para coñecer os seus rivais. Aínda que nesta ocasión os granates viron como deportivamente o bombo deparoulles uns rivais que se poden considerar alcanzables para avanzar na Copa do Rei co obxectivo de superar as tres primeiras roldas e verse emparellados cun equipo dos que disputan competición europea, no aspecto loxístico os dous primeiros escollos haberán de afrontalos lonxe de Pasarón, en eliminatorias a partido único.
O sorteo celebrado este venres na sede da Federación Española, na Cidade do Fútbol en Las Rozas, emparellou ao equipo adestrado por Luisito cun recentemente ascendido a Segunda División B, a Gimnástica Segoviana, que comparte grupo en liga cos granates.
Esa primeira eliminatoria do torneo do K.O. xogarase a partido único o día 30 de agosto no campo do equipo castelán.
Deste xeito, por segunda ocasión consecutiva en Copa en caso de superar esa primeira eliminatoria e seguir adiante na competición, os afeccionados granates tampouco poderán gozar da Copa do Rei en Pasarón, xa que o Pontevedra deberá afrontar un longo e custosa viaxe para enfrontarse, tamén a partido único, ao gañador do partido entre U.D. San Fernando (campión do grupo canario de terceira división) e Marbella FC (sétimo clasificado do grupo IV de Segunda B), o día 6 de setembro tamén a domicilio, o que obrigaría a un desprazamento a Gran Canaria ou Andalucía.
O resultado completo do sorteo pódese consultar nesta ligazón.
TROFEO CARNEIRO AO ESPETO
Os granates afrontarán este sábado o segundo dos compromisos amigables de pretemporada. En realidade será un torneo triungular no que o Pontevedra verase as caras con Arosa e Coruxo, con motivo do XLVIII Trofeo Carneiro ao Espeto.
O escenario será o campo de Mirallos, en Moraña, baixo o formato de triangular cos tres equipos enfrontándose entre si en tempos de 45 minutos cada partido. O comezo do primeiro choque está fixado para as 18:00 horas.