Goleada do Viaxes Interrías no derbi ante o Arousana (5-0), e sorprendente vitoria do Umia fronte o Deportivo 'B' (4-1)

Umia
17 de xaneiro 2021

O Viaxes Interrías afianzou esta fin de semana a súa condición de líder tras golear no derbi ao Atlético Arousana por 5-0. Pola súa banda, o Umia asinou a sorpresa da xornada ao vencer ao Deportivo 'B' por 4-1

Partido entre o Umia CF e o Deportivo 'B' Umia CF

O Viaxes Interrías afianzou esta fin de semana a súa condición de líder tras golear no derbi ao Atlético Arousana por 5-0. Pola súa banda, o Umia asinou a sorpresa da xornada ao vencer ao Deportivo 'B' por 4-1.

Viaxes Interrías 5-0 Atlético Arousana

Volveu verse sorprendido o Viaxes Interrías nada máis comezar o encontro, cando a xogadora visitante Dini atopouse man a man con Tania Cores pero desaproveitou a xogada.

Ao momento reaccionaron as de Sanxenxo, ao estrelar no traveseiro un centro envelenado de Connie que finalmente se foi por liña de fondo. Xogaba a pracer o Interrías, que na súa xogada máis clara non perdoou. Mery anotou o 1-0 aos once minutos de xogo cun lanzamento cruzado sobre a saída de Iria Ferreiro. 

Seguiu encima o equipo de Luís Treviño, apertando cada saída dun Arousana que estaba en busca do empate. O Interrías xogaba a pracer e, sabendo aproveitar os erros defensivos do rival, seguiron chegando os goles.

Balo puxo o 2-0 no minuto 18 de gol olímpico ao enviar o esférico ao segundo pau onde nada puido facer a porteira vilagarciá. Cinco minutos despois, a ferrolá dispúxose a lanzar outro saque de esquina que enviou tamén ao pau máis longo. Alí estaba Cata, que tocou cara á área pequena onde estaba Mery para marcar de tacón.

Antes de alcanzar a media hora de xogo, o Interrías deixou sentenciado o derbi. De novo aparecía a viguesa Mery para anotar o seu primeiro hat- trick na categoría co que puxo o 4-0. Connie enviou un centro bombeado que tentou atallar Iria pero nun mal entendido con Carla Falcón deixaron o balón aos pés da goleadora para envialo a pracer ao interior da rede.

Sentenciado o encontro, chegouse ao descanso. Despois do paso polos vestiarios o Interrías seguiu dominando aínda que con menos ritmo. Aínda así, atoparon o quinto gol cando non transcorreran nin dous minutos da segunda metade. A pichichi, Connie apareceu, unha vez máis, para poñer a guinda no duelo.

Treviño moveu o banco e o xogo equilibrouse. O Arousana empezou a rozar varias ocasións por mediación de Miri Señoráns, Carolina e Miri Ríos pero sen mover o marcador, finalizando o encontro nun contundente 5-0.

Umia 4-1 Deportivo 'B'

Sorpresa na Bouza este domingo. O Umia CF venceu este domingo a un dos equipos máis fortes da liga.

Viña de gañar os seus dous primeiros partidos na liga, e consecutivos, o equipo de Barrantes, que chegaba cos ánimos polas nubes para enfrontarse ao Deportivo 'B'.

A primeira parte foi moi rifada, cun Umia pechado atrás tapando os carrís centrais para que o rival non xogase por dentro. O Dépor, por moito que o tentaba, vía como cada disparo atopábase con Pipa.

Seguiu dominando o equipo de Coruña ata o minuto 26, cando chegou o gol do Umia. Nati batiu á porteira visitante de vaselina e abriu a lata para as locais.

A partir de aí produciuse un punto de inflexión no xogo, cun Dépor que tentaba buscar o empate e abría máis os espazos para atacar. Puido igualar Nuria desde o punto de penalti, pero de novo Pipa saíu ao rescate do Umia para realizar unha gran estirada e evitar o gol.

Co 1-0 chegouse ao descanso e con el os cambios. Entraron as irmás Varela a ambas as bandas para dar máis aire fresco ás da Bouza que, aínda que ían gañando, seguían buscando ampliar a diferenza a partir de contragolpes. No minuto 61 chegou o 2-0. Eva botou un saque de esquina e Cris rematou á rede e, 4 minutos despois, Eva volveu ser protagonista para poñer o 3-0 de gol olímpico.

Aínda que a posesión era do Deportivo, o traballo defensivo do Umia estaba a ser superior e foron capaces de neutralizar ao rival.

Recortou distancias Eva Deus no minuto 85 desde o punto de penalti pero non quedaba tempo para moito máis. Finalmente, no minuto 90, Ainhoa Varela sentenciou marcando o 4-1 co que se alcanzou o asubío final.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora