A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo presentaron este luns na Casa das Campás as actividades previstas da Cátedra do Deporte, unha iniciativa dotada con 50.000 euros da entidade provincial que busca promover o deporte desde unha perspectiva saudable e situar a provincia "nos grandes mapas de investigación", segundo anunciou o presidente provincial, Luis López.
A cátedra, coordinada por Rocío Abalo, desenvolverá tres actuacións principais nos vindeiros meses.
A primeira será unha mesa redonda titulada "O deporte e as lesións, diferentes perspectivas", que se celebrará este venres 26 de setembro ás 19:30 horas no salón de actos da Facultade de Belas Artes. Inicialmente estaba previsto que se desenvolvese na Casa das Campás pero foi cambiado o espazo tras a inscrición xa de máis de 80 participantes.
Na mesa participarán figuras destacadas do deporte español como o pentacampeón mundial de tríatlon Javier Gómez Noya, a medallista olímpica e actual seleccionadora de natación artística Andrea Fuentes Fache, a nadadora de salvamento con récords mundiais Antía García Silva (de Caldas de Reis) e a directora de deportes da Deputación, Xisela Aranda Núñez, sete veces campeoa de squash. A mesa será moderada pola xornalista deportiva Sara Tabares, gañadora do Premio de Periodismo Concha García Campoy.
Durante o acto van tratarse diversas situacións provocadas por lesións en deportistas coa intención de analizar as consecuencias que teñen na súa traxectoria.
CONGRESO INTERNACIONAL
A segunda actuación consistirá nun Congreso Internacional de Fisioterapia no Deporte Feminino, que se celebrará os días 13 e 14 de novembro en Pontevedra.
Este evento, de carácter científico e divulgativo, abordará as diferenzas anatómicas, hormonais e biomecánicas entre homes e mulleres e a súa influencia nas lesións deportivas.
O congreso contará con profesionais nacionais e internacionais de medicina, fisioterapia, farmacia, ciencias da actividade física e psicoloxía.
Entre os ponentes destacan Diego Fernández Lázaro (Medicina e Bioquímica, da Universidade de Valladolid), Santiago López Roel (Psicoloxía, da Universidade de Vigo), Ana Gil Iglesias (Fisioterapia), Augusto Gil Pascoal (da Facultade de Motricidade Humana da Universidade de Lisboa) e a médica especialista en Medicina e Deporte Cristina Salazar.
A participación será presencial ou online e gratuita, con inscrición previa.

ESTUDO CIENTÍFICO NO CGTD
A terceira iniciativa será un estudo de investigación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) titulado "Lesións Deportivas e Influencia do Entrenamento en Mulleres e Parámetros Metabólicos".
O proxecto analizará parámetros metabólicos e de entrenamento relacionados coa aparición de lesións en deportistas mulleres vinculadas ao centro.
O estudo, que se centrará principalmente no adestramento da musculatura inspiratoria, contará coa participación de investigadores das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, así como colaboradores das universidades de Valladolid e León.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, agradeceu o apoio da Deputación para estas actividades, que "permite fortalecer o noso campus".
Pola súa banda, Luis López, presidente da Deputación, destacou que esta iniciativa representa "un paso máis no camiño da Provincia do Deporte no ámbito do coñecemento" e forma parte da alianza estratéxica entre ambas institucións.
As inscricións para a mesa redonda do venres seguen abertas nesta ligazón.