Gómez Noya doa 5.000 euros para colaborar no traballo social da Asociación de Veciños O Mirador

Pontevedra
23 de novembro 2016

O diñeiro provén do reto solidario plantexado nun tríatlon indoor organizado recentemente en Madrid por un dos patrocinadores do triatleta, no que se recadaron 3.750 euros. Gómez Noya decidiu destinar a axuda á Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro e engadir do seu peto a cantidade que faltaba para chegar aos 5.000 euros

Donación de Gómez Noya á Asociación de Veciños O Mirador Mónica Patxot

A Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro recibiu este mércores un donativo de 3.750 euros por parte de Javier Gómez Noya.

O pentacampión do Mundo de tríatlon elixiu entregar a esta asociación pontevedresa o diñeiro conseguido no "Desafío Tríatlon" organizado o pasado 12 de novembro en Madrid por un dos seus patrocinadores, Bridgestone.

O reto consistía en que os 280 participantes inscritos nun tríatlon indoor completasen o máximo de quilómetros posibles, repartidos entre os deportistas que competían en distancia super sprint (300 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros correndo) e unha distancia denominada 'promocional' (100 metros en piscina, 2 quilómetros en bicicleta estática e 500 metros correndo nunha cinta).

A empresa organizadora do evento comprometíase a doar 1 euro por cada quilómetro percorrido ata o 1.500, momento no que dobraba a súa doazón.

Finalmente, tras completar entre todos 1.875 quilómetros (3.750 euros), Gómez Noya foi o que decidiu achegar esa doazón a O Mirador e completala achegando do seu peto a cantidade que restaba ata os 5.000 euros, que se destinarán a colaborar cos fins sociais desta asociación.

Ademais de organizar carreiras populares ou habilitar escolas deportivas, O Mirador conta con programas de axuda á terceira idade e un banco de alimentos que dá servizo a familias en risco de exclusión.