Gómez Noya gaña con autoridade o Grand Prix de Dunkerque

Pontevedra
28 de xuño 2015

O triatleta galego decidiu a proba francesa, disputada en distancia sprint, no inicio da carreira a pé. O próximo reto será e Campionato de Europa que se celebra en Xenebra

Javier Gómez Noya entra na meta no Grand Prix de Dunkerque @Jgomeznoya

Non hai quen pare no último mes a Javier Gómez Noya. Malia estar nunha etapa de preparación para as grandes competicións o triatleta galego segue obtendo éxitos alá onde compite.

Nesta ocasión Gómez Noya gañou con autoridade o Gran Prix de Dunkerque (Francia), proba disputada este domingo na modalidade de sprint.

Saíu da auga no grupo dianteiro xunto a Shaw e Anthony Pujades para abrir oco cos seus perseguidores no tramo de ciclismo.

Tras os 20 quilómetros de bicicleta e nada máis comezar os 5.000 metros a pé, Javi marchou en solitario cara á liña de meta marcando tempo de 53:57.

Segundo foi Shaw a 1:08 e David Hauss foi terceiro a 1:15. Tamén competiron os galegos Uxío Abuín e Diego Paz, finalizando nos postos 21 e 26 pero dando o triunfo por equipos ao conxunto no que tamén milita Gómez Noya, o Sartrouville galo.

O próximo reto para Javier Gómez Noya será o Campionato de Europa que nesta ocasión se celebra en Xenebra do 10 ao 12 de xullo.