Gómez Noya pon rumbo ao Mundial Ironman de Hawaii: "No es fácil llegar la primera vez y ganar"

Pontevedra
28 de setembro 2018

O campionísimo galego viaxa este venres a Hawaii, onde o 13 de outubro participará por primeira vez na icónica proba de  Kona, o Campionato do Mundo de distancia Ironman. Antes de partir, Gómez Noya protagonizou un acto cos medios de comunicación no Consello Superior de Deportes organizado polo Banco Santander

Javi Gómez Noya acompañado pola Secretaria de Estado para o Deporte, María José Rienda
Javi Gómez Noya acompañado pola Secretaria de Estado para o Deporte, María José Rienda / @123acorrer Banco Santander

Achégase o momento da verdade para Javier Gómez Noya. Todo un ano de traballo poñerase a proba no seu novo e máis esixente reto ata a data, tentar gañar o Campionato do Mundo Ironman na lendaria carreira que se disputa cada ano en Kona, Hawaii.

"No es fácil llegar la primera vez y ganar", recoñece o campionísimo galego, que este venres pon rumbo ás illas estadounidenses de Hawaii coa intención de aclimatarse ás esixentes condicións que lle esperarán o vindeiro sábado 13 de outubro, data da carreira.

Antes de partir, Gómez Noya atendeu aos medios de comunicación nun acto publicitario organizado por un dos seus patrocinadores, o Banco Santander, na sede do Consello Superior de Deportes, onde recibiu os ánimos da Secretaria de Estado para o Deporte, María José Rienda.

Trátase dun reto "muy ambicioso", asegura, xa que "nadie lo ha hecho", chegar como debutante e acabar gañando. Sería ademais o primeiro español en logralo tras o segundo posto logrado en 2008 por Eneko Llanos.

A pesar da baixa de Jan Frodeno, que lle venceu no recente Mundial Ironman 70.3,  Javi Gómez Noya cre que hai "otros cinco o seis" favoritos, ao que se suma á complicación que achega a dureza do percorrido e as condicións meteorolóxicas.

Tanto é así que o esforzo faralle tomar "litro y medio de líquido cada hora e ingeriré unos 90 gramos de carbohidratos", segundo as súas previsións, ao longo dos 3.800 metros a nado, 180 quilómetros en bicicleta e o maratón final co que concluirá a carreira de Hawaii.

Sería todo un soño para el engrosar o seu xa de seu extenso palmarés coa vitoria en Kona, pero aínda lle restan moitos retos por afrontar, incluso a posibilidade de volver á distancia olímpica pensando en Tokyo 2020. "No cierro la puerta a los Juegos", sentenciou o triatleta, embaixador de luxo para o deporte pontevedrés, galego e nacional.