Gómez Noya remata segundo nas Series Mundiais de Auckland tras Jonathan Brownlee

Pontevedra
29 de marzo 2015

O triatleta galego non puido seguir o ritmo do británico no tramo final pero conseguiu o seu primeiro podio da tempada tras o seu sexto posto de Abu Dhabi

Javier Gómez Noya no tramo de ciclismo en Auckland
Javier Gómez Noya no tramo de ciclismo en Auckland

Primeiro podio da tempada nas Series Mundiais de Tríatlon para Javier Gómez Noya.

O triatleta galego, tras o seu sexto posto en Abu Dhabi, finalizou segundo en Auckland (Nova Zelandia) na primeira carreira do campionato sobre distancia olímpica (1,5 quilómetros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pé), aínda que neste caso o tramo de bicicleta contaba con 43,2 quilómetros.

As difíciles condicións meteorolóxicas, con calor e humidade, marcaron unha proba que se decidiu nos últimos 10 quilómetros.

Antes Gómez Noya saíra da auga nos postos dianteiros integrándose no grupo cabeceiro de ciclismo, pero o alto ritmo imposto fixo que non puidese seguir no último tramo a Jonathan Brownlee, que conseguiu o triunfo (1:55:26).

Javier Gómez Noya entrou tras o británico a 15 segundos (1:55:41), completando o podio o francés Pierre Le Corre (1:55:52).

A case un minuto do podio entrou nunha meritoria cuarta praza o talaverano Fernando Alarza (1:56:48), triatleta afincado tamén en Pontevedra. Pola súa banda o español Mario Mola, que chegaba como líder, foi décimo quinto.

A clasificación xeral pasa a estar dominada por Jonathan Brownlee (1.386 puntos) seguido por Gómez Noya (1.282) e Alarza (1.134).