Só un primeiro posto podía mellorar a puntuación de Javier Gómez Noya nas Series Mundiais antes da Gran Final de Chigago do próximo día 19, onde buscará o seu quinto título mundial.
Non o conseguiu o galego en Edmonton (Canadá) na penúltima cita do calendario, pero tampouco os seus principais rivais o lograron, posto que o gañador foi Richard Murray (53:19).
O sudafricano foi o máis rápido da carreira, disputada en distancia sprint e caracterizada pola chuvia e o frío, impoñéndose con só catro segundos de vantaxe sobre Gómez Noya (53:23).
Terceiro foi Mario Mola (53:34), mentres outro dos seus principais rivais, o francés Vincent Luis, foi cuarto (53:39).
A proba serviu para que o triatleta galego recuperase sensacións e afinase a súa posta a punto despois duns días complicados, nos que superou unha leve enfermidade.
En canto á cita de Edmonton, Gómez Noya saió sexto da auga situándose no grupo de cabeza, onde non estaba Murray. O sudafricano enlazou no sector de ciclismo, cun circuíto mollado no que non se asumiron excesivos riscos, e rematou na carreira a pé, na que o actual campéon do Mundo foi o único en aguantar o ritmo e que se decidiu nos últimos 500 metros.
A xeral segue dominada por Noya con 3.820 puntos, seguido por Mola, con 3.595, e o francés Vincent Luis, que sobe ao terceiro posto con 3.543 puntos.