Gran vitoria dun sólido Poio Pescamar ante Burela Pescados Rubén (2-0)

Poio
29 de outubro 2016

O sobresaliente traballo defensivo do cadro vermello, que aguantou moitos minutos a presión do xogo de cinco do cadro lucense, unido ao brillante partido de Silvia en portería deulle ao Poio Pescmar un importante triunfo que lle acerca de novo á zona alta da táboa

Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Burela na Seca / Diego Torrado

Importante triunfo do Poio Pescamar na Seca ante o potente Burela Pescados Rubén (2-0), que supón un golpe de moral para as vermellas tras tres xornadas sen gañar en liga.

As xogadoras adestradas por Marcio Santos tiveron que sacar a relucir a súa versión máis comprometida en defensa para deixar a cero a un dos equipos máis goleadores da Primeira División feminina, cun traballo defensivo que foi sobresaliente nos moitos minutos nos que Burela apostou polo xogo de cinco e que estivo acompañado por unha grande actuación de Silvia en portería.

Nunha desas accións nas que o Poio estaba encerrado atrás polo xogo de cinco das lucenses, que buscaban romper o empate tras un inicio de partido moi igualado e con algunha clara opción local, chegou o primeiro tanto do partido. Charo roubou un balón a metade de cancha a Bea Mateos, que actuaba como gardameta, e a porta baleira aínda que con suspense por se chegaba a defensora, poñía en vantaxe ás locais.

Con 1-0 chegábase ao descanso, e na renudación o guiou seguiu sendo similar, co Poio buscando a súa oportunidade á contra e o Burela alternando co xogo de cinco.

Silvia encargábase de desbaratar moitas das oportunidades visitantes, mentres as vermellas contaron con opcións de encarrilar o encontro moito antes do que o fixeron. Xa no tramo final, un balón en longo da propia Silvia desde portería loitouno Jessi coa gardameta visitante, o esférico quedou solto no bordo da área e a xogadora local sentenciou.

Quedaban apenas tres minutos pero o Burela non se repuxo, incapaz de superar o armazón defensivo das de Marcio Santos.

POIO PESCAMAR (2): Silvia, Jenny Lores, Ceci, Charo, Jessi -cinco inicial- Ale de Paz, Carol,  Patri Corral.

BURELA (0): Jozi, Dany, Betim, Bea Mateos, Cilene -cinco inicial- Shiori, Lara, Silvia, Judith.

Goles: 1-0 Charo (min.18), 2-0 Jessi (min.37).

Incidencias: Partido de liga disputado no pavillón da Seca, Poio, ante preto  de 300 espectadores.