Grave crise institucional no Palencia, próximo rival do Pontevedra en liga

Pontevedra
26 de xaneiro 2017

Demandas xudiciais e pelexas polo control da entidade enturban o ambiente do equipo palentino a poucos días de enfrontarse aos granates. O club atravesa tamén unha grave crise deportiva, inmerso nunha importante renovación no mercado invernal, e loita por recuperarse para lograr a permanencia na Segunda B

Banco do Palencia en Pasarón, con Óscar de Paula á fronte Diego Torrado

Demandas xudiciais e pelexas polo control da entidade desvían a atención da tamén importante crise deportiva no Palencia a poucos días de que o Pontevedra renda visita á Nova Balastera.

Non hai día no que a actualidade no club palentino non se desvíe cara ao extradeportivo. A semana comezou cunha vista xudicial na que o exadestrador do primeiro equipo, Santi Sedano, reclamou preto de 19.000 euros ao club polo seu despedimento, o que cobrase ata final de tempada.

Sedano, que foi substituído en verano por Óscar de Paula, viuse as caras no xulgado co máximo dirixente do club, o presidente Javier Rodríguez. Con todo, de maneira inesperada o dirixente deixou de estar ao mando da entidade ao tramitar a Junta de Castilla y León un acta validando a unha xunta xestora para que dirixa ao club morado, no medio de acusacións de ilegalidade por parte do propio Rodríguez, que anunciou medidas xudiciais.

Ante esta situación, as oficinas do Palencia permaneceron este mércores pechadas, cos xogadores á expectativa do que acontecía, pero por se a situación non fose xa suficientemente rocambolesca, o presidente da xunta xestora anunciou a súa dimisión por motivos persoas, deixando no aire se o resto deste organismo está facultado para tomar decisións e convocar eleccións.

Inestabilidade institucional que fai que na cidade se fale de calquera cousa menos do choque de liga do próximo domingo (17:00 horas) ante o Pontevedra, nun momento no que o seu equipo atópase tamén en plena reestruturación.

O club deu hai uns días ata cinco baixas, as de Iván Zarandona, David Durántez, Héctor Selecto, Iván Murillo e Antonio Segura, ao que se une a saída de Pablo Pérez, anunciando ata o momento só dúas incorporacións para cubrir as súas fichas, as do interior zurdo Pablo Navas e o defensa central Pablo Gallardo.

Os de Óscar de Paula, despois de cinco derrotas consecutivas, marchan na décimo oitava praza da táboa con 19 puntos, a catro da promoción pola permanencia e a cinco da salvación. Pero como a can fraco todo son pulgas, o técnico palentino non poderá contar por sanción co defensa Acoidán e o centrocampista Pelayo, ao cumprir cinclo de amoestacións. Ademais o Comité de Competición impuxo un castigo de dous partidos de suspensión ao propio De Paula, que non poderá dirixir ao seu equipo no choque ante o Pontevedra.