Cando todo empezaba a encaixar tras un intenso mes de xaneiro de movementos nos despachos, con entradas e saídas, unha lesión volveu a trastornar os plans do Pontevedra Club de Fútbol.
Tiago Rodríguez non volverá xogar esta tempada ao sufrir a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo, unha situación que obriga á entidade granate a reflexionar sobre as posibilidades que aínda ofrece o mercado.
Aínda que co prazo de inscrición pechado, ao contar con dúas fichas sénior dispoñibles e agora a baixa de longa duración de Tiago, o Pontevedra pode incorporar un xogador que se atope sen equipo en calquera momento, sen pensar en prazos.
"Imos ver si algunha porta máis abre. Verémolo nas próximas semanas. Evidentemente non tardaremos moito porque o mercado tamén vai pechando co que está dispoñible", afirmaba este mércores en rolda de prensa a presidenta Lupe Murillo antes de confirmarse a lesión dun futbolista fixo no once de Rubén Domínguez.
As preguntas para a presidenta ían dirixidas cara á posibilidade de redondear o plantel cun dianteiro, a peza que se buscou no mercado e non se chegou a concretar, pero agora débese valorar tamén se o centro do campo queda cuberto coa chegada de Rubén López.
O certo é que o Pontevedra, coa lesión de Tiago, queda no seu primeiro plantel apenas con 20 futbolistas dispoñibles.
O ourensán foi ademais unha das revelacións da tempada polo gran nivel e polivalencia mostrada sobre o terreo de xogo, asumindo un rol importante no equipo granate. Así o demostran os seus 23 partidos disputados entre Liga e Copa, con 18 titularidades e un gol anotado.
O seu compromiso foi máximo, tanto que segundo recoñeceu hai apenas unha semana Rubén Domínguez xogou as últimas xornadas "con molestias, mesmo con dor", chegou a revelar o técnico.
O destino foi cruel con el poucos días despois, en Talavera, ao lesionarse e non chegar a concluír o partido por culpa dunha rotura do ligamento cruzado que lle terá oito meses afastado dos terreos de xogo.