Apoteose na Raña. Marín Peixe Galego recibía a visita de Carrefour 'El Bulevar' de Ávila, que chegaba como líder, no que podía considerarse un ensaio en toda regra para a final copeira do próximo sábado, que enfrontará a ambos os equipos en terras abulenses. Os de Javi Llorente superaron a proba con matrícula de honra, conseguindo unha soada e contundente vitoria (101-80) ante unha bancada en estado de éxtase cos seus.
Se excelente foi a actuación de todo o equipo marinense, de espectacular hai que cualificar o realizado por Javonte Green e Gabo Rogers, que sumaron nada menos que 62 puntos e 74 de valoración entre ambos.
Foi unha festa completa na Raña. Marín Ence Peixegalego é ademais o novo líder da LEB Prata, mandando ao seu rival un importante aviso para a Copa, ademais de levar o basket average particular.
Máis de tres minutos custoulles aos de David Mangas subir os seus primeiros puntos ao marcador, aínda que o seu rival tampouco andaba moi sobrado (4-3). Momentos de igualdade, que rompían cun parcial 11-2 dos locais (21-11). E un 10-0, con dous triplos de Rogers, disparaba aos marinenses nada máis comezar o segundo acto (33-15).
Os abulenses eran incapaces de frear o ciclón local, con Rogers como estilete (5 triplos e 17 puntos na primeira metade) e que deixaban o choque moi encarrilado (50-24). Rey sumábase á festa e dous triplos no último minuto daban un +26 a Marín ao descanso (61-35), cun segundo cuarto absolutamente soberbio (parcial 38-22).
Co partido xa sentenciado, quedaba por ver a diferenza final. Con Green e Rogers en modo estelar, os de Javi Llorente chegaron a dominar por 30 (78-48). No último acto, Carrefour 'El Bulevar' de Ávila logrou reducir un pouco o seu 'buraco' ata a vintena final.
Para o recordo queda a estatística de Gabo Rogers e Javonte Green. 62 puntos entre ambos os (32 e 30), 12 triplos de 18 intentos, 10 rebotes e 74 de valoración (35 e 39, respectivamente). Impulsado polos seus exteriores, Marín asinou un enorme 15 de 26 en triplos.