Avanzar á segunda parte da tempada, na que pelexará polo ascenso, co pleno de puntos posibles está ao alcance dun Club Cisne Balonmán ao que lle restan os dous últimos esforzos da primeira fase.
O primeiro deles é a última das xornadas aprazadas no seu día pola covid, visitando este mércores 23 de febreiro (20.00 horas) a pista do segundo clasificado, o Guadalajara.
Os de Jabato só se deixaron puntos ata a data (dous empates e unha derrota) ante equipos que a día de hoxe xogarían pola permanencia, pero teñen por diante non só este choque senón unha última xornada na que se medirá ao terceiro da táboa, o San Pablo Burgos (sábado 26 de febreiro).
Todo iso farano os brancos completando un particular maratón durante o último mes.
En canto ao rival, o Guadalajara chega á cita no seu mellor momento da tempada, sen coñecer a derrota desde o pasado mes de novembro, polo que se presenta un duro exame para o Cisne.