Guillermo García, primeiro sub-23 en completar o III Memorial Rogelio Acuña

Pontevedra
15 de setembro 2019

Ballesteros, do Valverde Team, foi o primeiro corredor en completar o traxecto, seguido por Oliveira, do Oliveira  Bikes, e Roberto  Mediero, campións elite da competición

Guillermo García e Adrián Barros no podio do Memorial Rogelio Acuña Grupo Deportivo Froiz

Máis de 180 deportistas procedentes de toda Galicia competiron, este domingo, nunha das probas máis representativas do ciclismo na cidade, aínda a pesar da súa curta vida. O Gran Premio Ciudad de Pontevedra ou Memorial Rogelio Álvarez, organizado polo Grupo Deportivo Supermercados Froiz, chegou este ano á súa terceira edición.

No pelotón estiveron presentes ciclistas das categorías sub-23, elite, máster 30 e máster 40, que percorreron un total de 100 quilómetros desde a Praza de España de Pontevedra para dirixirse a Marín, posteriormente Bueu e Domaio. Santa Cristina de Cobres foi o seguinte punto de paso, para continuar por Arcade rumbo a Ponte Caldelas. Unha vez superado ese segundo ascenso, os corredores iniciaron o tramo final da carreira, que supuxo un rápido descenso ao longo de Marcón e Bora para, finalmente, volver pedalear sobre as rúas pontevedresas cara á liña de meta.

Estaba previsto que a saída se efectuase ás 10:00 horas, momento no que os corredores se posicionaban no punto de saída dispostos a completar o reto da xa tradicional proba.

Guillermo García, da escuadra anfitrioa, conseguiu o primeiro posto do podio en categoría  sub-23, seguido, na mesma, polo seu compañeiro Adrián Barros

Aos dez quilómetros da saída, distinguíase xa un corte no que se atopaban Barros e García con outros sete corredores. Por detrás producíase unha contra de varios ciclistas no pelotón, manténdose así ata o final da proba. Con todo, a 20 quilómetros de meta un grupo de cinco corredores, entre os que se atopaba Guillermo, saltaba dese grupo cabecero e, a 15 escapáronse dous elites; Ballesteros, do Valverde Team, que foi o primeiro en completar o traxecto, e Oliveira, do Oliveira Bikes, segundo. No terceiro posto chegou Roberto Mediero e, a continuación, Guillermo e Adrián (cuarto e quinto, respectivamente, na clasificación xeral e, polo tanto, primeiros sub-23).

Foi unha carreira rápida, cortada e complicada na que os mozos tiveron a oportunidade de mostrar o seu potencial.