Haberá terceira edición do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra en 2015

Pontevedra
31 de outubro 2014

O Instituto Municipal de Deportes (IMD) traballa xa na terceira edición do circuíto, que busca a súa consolidación entre os deportistas da bisbarra. Volverá contar con seis probas repartidas ao longo do ano

Participantes na VII edición da Carreira Pedestre de Campañó

O Instituto Municipal de Deportes (IMD) traballa xa na que será a terceira edición do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) durante o ano 2015.

Coa intención de consolidarse entre os deportistas da bisbarra e superar a cifra de 269 inscritos de 2014, o circuíto aposta pola continuidade coas mesmas seis probas repartidas ao longo do ano.

Abrirá lume o domingo 1 de febreiro a Carreira Pedestre de San Brais, seguido o 12 de abril da Carreira Pedestre de Monte Porreiro, o sábado 13 de xuño dos 10.000 metros nocturnos do PonteNoite 5+5, o 25 de xullo coa Carreira Pedestre do Santiaguiño do Burgo e o 19 de setembro coa Carreira Pedestre de Campañó.

A última cita do calendario volverá ser a máis numerosa, un Medio Maratón que chegará á súa vixésima edición o domingo 18 de outubro de 2015.

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

Paralelamente o IMD está a organizar unha gala de peche da edición de 2014, na que se repartirán os premios aos gañadores das diferentes categorías.

O acto celebrarase o día 27 de decembro no Pazo da Cultura.