San Brais prepárase para inaugurar o Circuíto de Carreiras Populares 2015

Pontevedra
26 de xaneiro 2015

As inscricións, que se pechan o mércores 28, superan as 250, con 200 atletas anotados para todo o circuíto. A proba dispútase o domingo 1 de febreiro ás 12:30 horas

Presentación da VII Carreira Pedestre de San Brais
Presentación da VII Carreira Pedestre de San Brais / Mónica Patxot

San Brais volverá contar, por sétimo ano, coa carreira popular para honrar o patrón da parroquia. Será o próximo domingo 1 de febreiro ás 12:30 horas no que supón o inicio do terceiro Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP).

A proba é a primeira das seis que compoñen o calendario e "unha dás máis duras", recoñece o vicepresidente da Gimnástica Juan Romero, que acudiu á presentación acompañando os representantes da entidade organizadora, a Asociación de Veciños Salcedo Norte.

Ata o momento son xa máis de 250 os atletas que confirmaron a súa presenza na proba, anotándose 200 deles para todo o CCCP.

As inscricións para San Brais manteranse abertas ata o mércores 28 de xaneiro a través da web www.championchipnorte.com, cun prezo de 5 euros.

A carreira volverá a partir das inmediacións do centro comercial de Carrefour e contará cun percorrido de "preto de 6 quilómetros".

Ao finalizar a proba os participantes gozarán dunha chocolatada e participarán nun sorteo de dez lacóns, segundo explicaron os organizadores.

Ademais, dende as 11:30 horas, organizaranse carreiras para os máis pequenos, que poden anotarse na praza de San Brais o mesmo día ata media hora antes da saída.

Os dorsais da categoría absoluta poderanse retirar no baixo do centro comercial de 9:00 a 11:30 horas do domingo.