Habilitan a venda anticipada de entradas para os campionatos de España de ximnasia rítmica

Pontevedra
03 de xuño 2015

O campionato de España de Clubs e autonomías disputarase no Recinto Feiral do 25 ao 28 de xuño, mentres os nacionais individuais tomarán a testemuña do 2 ao 5 de xullo. Instalarase unha bancada con capacidade para 2.000 espectadores

Reunión cos clubs de ximnasia para preparar os campionatos de España de rítmica Daniel Santomé

Comeza a conta atrás para os campionatos de España de ximnasia rítmica, que terán Pontevedra como sede durante dous fins de semana de competición.

A organización, a cargo do Club Treboada en colaboración do Concello de Pontevedra, puxo en marcha o servizo de venda das entradas para as dúas citas previstas na cidade de Lérez, o nacional de clubs e autonomías (do 25 ao 28 de xuño) e o Campionato de España Individual (do 2 ao 5 de xullo).

Ambas as dúas citas desenvolveranse no Recinto Feiral de Pontevedra coa presenza de máis de 1.300 ximnastas de toda a xeografía nacional, competindo nunhas instalacións que contarán con oito tapices de quecemento e un central, rodeado dunha bancada con aforamento para 2.000 espectadores.

Nos dous campionatos as finais resérvanse para a xornada do domingo, coas clasificatorias durante venres e sábado.

O prezo marcado para cada unha das xornadas completas de clasificación é de 11 euros para o público xeral e de 6 euros para menores de 6 a 12 anos, mentres só pola tarde venres e sábado terá un custo de 7 e 3 euros respectivamente.

Para as xornadas de domingo, que se celebrarán só de mañá, a entrada custará 11 e 6 euros.

Existe ademais a posibilidade de adquirir un abono para os dous campionatos por 52 euros ou de 28 euros para cada un deles, 15 euros para os menores.

A venda anticipada de entradas pódese realizar a través da web www.clubtreboada.es ata o día 23 de xuño.