Un hat-trick de Alain Ribeiro fronte á Ponferradina devolve o Pontevedra aos postos de play-off

Pontevedra
12 de abril 2026
Actualizado: 19:33

Os granates volveron gañar en Pasarón tras imporse por 3-1 á Ponferradina. Con este triunfo e o empate do Barakaldo ante o Arenteiro, os granates regresan aos postos de play-off

Alain Ribeiro celebra o 1-0 fronte a Ponferradina
Alain Ribeiro celebra o 1-0 fronte a Ponferradina / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol permítese volver soñar despois de superar a unha Ponferradina que solo encaixara tres goles nesta segunda volta, grazas a un hat-trick de Alain Ribeiro (3-1). O conxunto granate fixo un partido moi completo e serio que lle permite volver sumar de tres e regresar aos postos de play-off.

Volveu haber cambios no once de Rubén Domínguez, ausente no banco pola súa expulsión fronte ao Barakaldo. O técnico ourensán apostou por Marqueta en portaría e unha defensa de catro con Montoro e Miki de centrais, Vido no lateral dereito e Miguel Cuesta no esquerdo. Por diante, Yelko e Rubén López, con Eimil na dereita e Alberto Gil na esquerda; Diego de media punta e Alain de referencia arriba.

Yelko gañou por segunda xornada consecutiva o sorteo inicial e os granates comezaron atacando cara a Fondo Sur, protagonizando, un fin de semana máis en Pasarón, un arranque de partido para enmarcar co xogo coral de todo o equipo.

O Pontevedra, dono do esférico, xogou a pracer desde o minuto un con moi boas combinacións entre os xogadores de ataque, que apenas tiñan problemas en atopar ocos entre a defensa berciana.

E a primeira ocasión clara non tardou en chegar. Yelko puxo unha falta ao segundo pau para Montoro, que rematou de cabeza. Sobre a liña despexou Borja Valle, Eimil cazou o rexeite e xutou entre o tres paus, pero entre un defensor e o porteiro despexaron o balón, que deu no traveseiro antes de irse a córner.

Nese saque de esquina, Yelko enviou o coiro raso ao primeiro pau, Vido deixouna de tacón cara ao segundo e Alain empuxouno, sen oposición, ao interior da portaría para adiantar o Pontevedra. Era o minuto 15.

Os de Lérez non deron un paso atrás a pesar de estar co resultado ao seu favor e seguiron asediando a portaría rival. Tanto foi así, que apenas cinco minutos despois Alain volveu ver porta, pero o gol foi anulado por fóra de xogo.

Na seguinte xogada, de novo a balón parado, Yelko colgou o esférico á área. Á pugna foron Alain e Ger Novoa, que saltou co cóbado levantado. O Pontevedra solicitou revisión e o árbitro concedeu penalti por man. Alain non perdoou e subiu o 2-0 ao luminoso.

Foi entón cando a Ponferradina tratou de dar un paso adiante buscando reducir diferenzas e gozou da primeira chegada a área local no minuto 37 cun disparo afastado de Borja Vázquez que se foi moi desviado.

O equipo arbitral engadiu oito minutos de desconto e os bercianos tentaron aproveitalos cunha acción pola esquerda de Frimpong, que acabou en amarela de Vidorreta por agarrón. Andoni botou a falta cara ao segundo pau, Esquerdo golpeou e Marqueta atallou.

Tras o paso polos vestiarios, os bercianos estiráronse e o Pontevedra deu un paso atrás. Tanto foi así, que cumprida a hora de xogo atoparon o premio cun golazo de Andoni a balón parado.

Acto seguido, nada máis sacar de centro, os granates buscaron o terceiro tanto cun xogada extraordinaria individual de Eimil que deu na madeira. A acción continuou e o banco granate solicitou revisión por un posible penalti que o colexiado non concedeu.

Continuaron as chegadas do equipo lerezano que, de novo, por medio de Alain Ribeiro, acertou de cara a portaría. Diego puxo un centro desde a dereita que Eimil non conseguiu rematar e que chegou ao de Sopela, que tras controlar dentro da área a enchufou no interior da rede para anotar o seu hat-trick particular e deixar o partido practicamente sentenciado.

Tras o 3-1 o Pontevedra apenas sufriu e mesmo tivo opcións de ampliar o marcador por medio de Compa, que entrara en lugar do trigoleador. A Ponferradina, pola súa banda, viuse completamente superada e non puido facer máis que conformarse co resultado.

Esta vitoria, sumada ao empate do Barakaldo ante o Arenteiro, permite os granates regresar aos postos de play-off e recuperar a ilusión por disputar unha posible fase de ascenso a Segunda División.

PONTEVEDRA CF (3): Marqueta, Eimil, Miki Bosch, Alain (Compa, min. 73), Yelko (Facu Ballardo, min. 76), Miguel Cuesta, Vido, Rubén López, Alberto Gil (Luisao, min. 66), Diego Gómez (Brais, min. 76) e Montoro.

SD PONFERRADINA (1): Anxo, Ger Novoa, Undabarrena, Calderón (Xemi, min. 87) Slavy (Pau Ferrer, min. 62), Borja Valle, Koke (Cortés, min. 62), Frimpong, Borja Vázquez (Jorrín, min. 78), Andoni López e Esquerdo (Keita, min. 62).

Árbitro: Daniel Miranda (Estremadura), auxiliado nas bandas por Iván Gago e Mario González, con Alexandre López como cuarto colexiado. Amoestou a Vidorreta (39'), Rubén López (89') no Pontevedra e a Undabarrena (29'), Andoni (53') na Ponferradina.

Goles: 1-0, Alain, min. 15. 2-0, Alain, min. 27. 2-1, Andoni, min. 61. 3-1, Alain, min 71.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 32 do grupo I de Primeira RFEF disputado no Municipal de Pasarón diante de 3.881 espectadores.

 

Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora