Javier Hermelo foi o xogador escollido este mércores polo Pontevedra Club de Fútbol para comparecer na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón, despois da súa primeira titularidade da tempada.
O defensor mostrouse satisfeito polo seu rendemento fronte ao Cayón: "Levaba toda a tempada esperando a ter unha oportunidade e a verdade é que as sensacións foron boas, pero ao final o importante era que o equipo gañase e puidémolo conseguir", asegurou.
Lonxe de eso Hermelo afirmou estar "tranquilo porque a pesar de non estar a xogar ata o de agora creo que estiven á altura e axudei o equipo", esperando poder gozar pronto doutra oportunidade.
A súa comparecencia estivo marcada de todos os xeitos pola baixa dun home importante como Rufo, que polo momento non conta con data de regreso tras sufrir unha indisposición no último partido de liga. "Desde aquí gustaríame mandarlle unha mensaxe de ánimo, porque é unha situación que ninguén quere pasar. Ánimo da miña parte e de todo o equipo, é unha persoa moi importante para o vestiario e queremos estar preto de el. O importante é a súa saúde", sinalou o seu compañeiro.
En canto á situación do equipo, Hermelo non quere mirar máis aló da visita a Guijuelo, a pesar de ser unha fase clave da tempada, xa que "soa a tópico pero temos que ir partido a partido, pensar no Guijuelo xa partir de aí pensar no seguinte". Ademais, afirmou, "sabemos que é un partido moi complicado, un campo moi difícil", aínda que "temos claras as cousas que temos que facer ben para poder traernos os tres puntos".