Nunha nube está o Club Deportivo La Peña tras o éxito conseguido esta fin de semana polo seu equipo infantil feminino.
O equipo marinense fixo historia ao proclamarse campión de España Sub-14.
Logrouno tras superar dous vibrantes encontros na fase final do torneo nacional celebrada na localidade de San Clemente, en Cuenca.
Nas semifinais o CD La Peña superou de maneira axustada o AD Alcorcón (3-2), mentres que na final venceu o campión catalán, o FS Ripollet, por 4-0.
"Sodes historia viva de La Peña, de Marín, de Galicia e de toda España", afirma a entidade marinense.
Un club que está "aínda en shock pero con moito orgullo" polo éxito conseguido.
Cabe lembrar que o bloque adestrado por Javi Pumar e Lorena Núñez xa se clasificou brillantemente para a fase final, tras unha previa disputada como local na que arrasou a CD Cantera (Navarra), EMD La Solana (Estremadura) e UD Isleñas (Illas Baleares) gañando os seus tres encontros con 33 goles a favor e só un en contra.
Compoñen o plantel infantil feminino de La Peña: Iria Argibay, Aylen Belliard, Sara Carballal, Alba Crespo, Antía Dasilva, Lea Garrido, Elena González, Noa González, Estrela Jiménez, Valeria Pazos, Noa Pazos, Aitana Reboredo e Alba Salgado.