Homenaxe a Fernando Castro Santos na tradicional "xuntanza" de ex xogadores do Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2023

A comida, aberta a ex futbolistas, ex directivos e afeccionados, está prevista para o 24 de febreiro no Hotel Campaniola e estará precedida por unha misa en recordo dos granates falecidos

Xuntanza de ex-xogadores do Pontevedra CF do ano 2022
Xuntanza de ex-xogadores do Pontevedra CF do ano 2022 / PontevedraViva

O tradicional reencontro entre ex xogadores do Pontevedra volverá celebrarse este ano. O día 24 toda a familia granate está citada para unha comida no Hotel Campañiola para lembrar vellas batallas e fortalecer os lazos forxados nos vestiarios de Pasarón ao longo dos máis de 80 anos de historia do club.

Os interesados en participar nesta clásica reunión, aberta a ex futbolistas, ex directivos e afeccionados;  xa poden formalizar a súa reserva nas oficinas do estadio ou nos bares Americano ou Regato Pequeno (antigo Nacional). O programa inclúe unha misa en recordo aos granates falecidos ás 13 horas na Peregrina, para desprazarse a continuación ao Hotel Campañiola, en Campañó, para gozar todos xuntos dun típico cocido galego. 

A cita deste ano servirá para homenaxear a un granate ilustre como Fernando Castro Santos, histórico xogador e adestrador do equipo granate na década de 1980. O seu bo facer en Pasarón catapultouno á elite do fútbol español, onde adestrou ao Compostela, ao que levou de 2ªB a Primeira, ao Celta ou ao Braga nas máximas categorías dos seus países. Tamén foi técnico de clubs históricos como o Sevilla, o Tenerife ou o Córdoba en Segunda División.

A súa última experiencia nos bancos foi en Pasarón. O amor polo club da súa cidade fíxolle aceptar, de forma altruísta, o complicado reto de tentar salvar a un Pontevedra en crise económica e institucional do descenso a Terceira División. Non acabou a tempada e o equipo acabou perdendo a categoría.

Os organizadores desta tradicional reunión son dúas figuras históricas do Pontevedra como Juan Abal e Luís Rivas.