O Pontevedra Club de Fútbol chega a un momento decisivo na súa planificación deportiva para a próxima tempada, na que competirá na Primeira RFEF.
Tras un período de reflexión iniciado tras lograr o ascenso o día 20 de abril contra o Laredo e intensificado tras a conclusión da liga regular, as próximas horas e días antóllanse claves para despexar a primeira e gran incógnita que planea sobre o próximo proxecto deportivo, coñecer o futuro do seu adestrador.
A entidade granate mantivo unha primeira toma de contacto co plantel e corpo técnico na rolda de reunións celebradas os días 6 e 7 de maio para liquidar a tempada en curso.
A eses encontros non faltou Yago Iglesias, tanteado como todos sobre as súas intencións de futuro pero co que, segundo as fontes consultadas por PontevedraViva, aínda non se tería iniciado unha negociación formal para tratar a súa renovación.
Con todo espérase que ese momento sexa inminente e se produza antes de que conclúa esta mesma semana, toda vez que o Pontevedra atópase xa inmerso ao 100% no deseño do proxecto deportivo e económico para a próxima tempada.
O obxectivo é poñer a primeira pedra desde o banco de Pasarón, para que así o técnico poida ter voz na confección do novo plantel. Nestas conversacións presúmese como importante avanzar nos obxectivos do próximo proxecto deportivo, que todo apunta pasarán por tentar consolidar o Pontevedra na terceira categoría do fútbol nacional.
Á espera de que se desbloquee esta situación atópanse os xogadores, coa gran maioría do plantel finalizando contrato.
Só Yelko Pino, Brais Abelenda e Miguel Cuesta teñen o seu futuro asegurado cun ano máis de vinculación, e tras negociar co adestrador será a quenda de presentar propostas formais aos futbolistas que interesa que continúen a próxima campaña defendendo a camiseta granate.