Remataron as vacacións para o Pontevedra Club de Fútbol, que a pouco máis dun mes do comezo da liga volveu este luns aos adestramentos cunha lixeira sesión no Estadio Municipal de Pasarón.
Ata nove caras novas saltaron ao céspede do estadio pontevedrés: as do gardameta Santi Canedo (Sevilla Atlético); os defensas Dani Portela (Compostela) e Javier Bonilla (Leioa); e os centrocampistas Álex González (Lealtad), Jacobo Trigo (Logroñés), Iker Alegre (Logroñés), Abel Suárez (ACS Poli Timisoara), Gonzalo (Arandina) e David Añón (Somozas). Todos eles flamantes fichaxes dun proxecto que aspira a dar un paso á fronte e pelexar por obxectivos ambiciosos.
Xunto a eles repiten futbolistas como Edu Sousa, Capi, Adrián, Bruno, Miguel Loureiro, Kevin Presa, Álex Fernández, Jacobo, Mouriño e Miki. Un total de 19 xogadores aos que se unen durante a pretemporada o xuvenil Lezcano e os futbolistas do filial Brais, Roberto, Álex e Wadir, este último dianteiro recentemente incorporado coa intención de que probe a súa valía no primeiro equipo.
Faltan aínda dous dianteiros para poñer a guinda a un plantel que é un reflexo de "lo que buscamos", recoñeceu a presidenta, Lupe Murillo. En canto aos atacantes a idea é poder pechar as súas contratacións "en una semana o 10 días", explicou o conselleiro responsable da parcela deportiva, Roberto Feáns.
Outra das principais dúbidas é saber se o club poderá reter no equipo a Kevin Presa, que de momento iniciou a pretempada, ou se frutificará algunha das propostas de superior categoría que o xogador ten sobre a mesa.
"Están os que quixeron vir, hai futbolistas que en igualdade de condición con outros equipos viñeron aquí, e esos son os futbolistas que eu quero", completou Luisito nunha primeira sesión aberta ao público na que estiveron presentes máis dun cento de afeccionados.
O estado físico dos futbolistas e se fixeron os deberes durante as vacacións foi outro dos focos de atención na primeira xornada, e é que "uns veñen mellor que outros en canto a peso pero esto non fixo máis que empezar", advertiu o técnico, que programou adestramentos de dobre sesión, mañá e tarde, no que resta de primeira semana de traballo.
Á espera de coñecer o calendario de competición e tamén pechar o da pretempada, os primeiros partidos amigables para o novo proxecto granate serán os do 30 de xullo en Moraña ante o Celta B e o día 31 en Pasarón ante o Real Valladolid.