Ilusión no inicio de curso do Poio Pescamar: "O club aspira a un título e é para o que imos traballar"

Poio
01 de agosto 2025

O equipo conserveiro iniciou este venres 1 de agosto a pretempada con ambición renovada e ilusión por poder pelexar polo que sería o seu primeiro título nacional

Primeiro adestramento do Poio Pescamar 25-26
Primeiro adestramento do Poio Pescamar 25-26 / PontevedraViva

O Poio Pescamar iniciou este venres 1 de agosto a súa pretempada, e fíxoo con ilusións e ambicións renovadas.

Despois de dous meses de descanso deportivo pero con movementos no seu plantel, o conxunto conserveiro arrincou o traballo cunha dobre sesión, empezando en horario matinal por unha toma de contacto coa pista do pavillón da Seca.

"O club hai tempo que aspira a poder conseguir un título, e é para o que nós imos traballar", afirma con convicción a persoa que por cuarto ano consecutivo sentará no banco, Luís López-Tulla.

"A idea é dar continuidade ao que fixemos estes últimos anos", afirma o preparador tras un verán de saídas e chegadas.

Até sete caras novas presenta de feito o plantel vermello, as de Yanira, Carolina Bravo, Débora Lavrador, Noelia Montoro, Pedreira, Zaide Pérez e Rafa Pato, esta última ausente aínda con permiso do club.

Elena, Ale de Paz, Martita, Candela, Chuli, Èlia e Miri son pola súa banda as que continúan en Poio con respecto á pasada campaña.

"Creo que foi un bo verán. A nivel de club fíxose un esforzo tamén", recoñece López-Tulla, que deseñou unha pretempada "de catro semanas con tres partidos".

Todo mirando xa cara á primeira xornada do campionato de liga, que arrincará o 6 de setembro na Seca cun encontro fronte ao AE Penya Esplugues.