Poio envorcouse este martes coa saída da etapa 16 de La Vuellta Ciclista a España desde Combarro, unha oportunidade que gozaron veciños e visitantes
Saída de etapa de La Vuelta desde Combarro
LaVuelta Ciclista a España deixou pegada este martes 9 de setembro en Poio coa saída desde Combarro da etapa 16 da carreira.
Un "día histórico", asegurou antes do pistoletazo de saída o alcalde, Ángel Moldes, asegurando que afrontaron esta xornada "non para pensar en atraer máis xente a Poio, senón para presumir do que somos".
O rexedor, do mesmo xeito que outras autoridades como o presidente da Deputación, mesturouse coa multitude de veciños e afeccionados ao ciclismo que se achegaron até Combarro para vivir a espectacular caravana e despregamento que supón La Vuelta.
Unha saída de etapa ofrece ademais unha oportunidade única de achegarse aos ciclistas, co despregamento de autobuses dos equipos participantes e o control de sinaturas polo que todos teñen que pasar.
Por eso, e a pesar de ser o segudo día de clase, foron non poucos os nenos que saltaron o cole para non perder a cita.
Saída de etapa de La Vuelta desde CombarroPontevedraViva
A maior expectación, como non podía ser doutra forma, estaba posta ao redor dos equipos que están a dominar La Vuelta, un Team Visma co flamate líder e dúas veces gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard, pero tamén o UAE do portugués Joao Almeida, que corría case na casa con multitude de seguidores lusos dándolle ánimos.
Tamén un galego do Movistar Team como Carlos Canal centrou miradas dos afeccionados locais.
Ao final, pasados 5 minutos das 13.00 horas, deuse o pistoletazo de saída á etapa, no medio dos aplausos dos presentes.
Por diante os ciclistas tiñan 167,9 quilómetros de percorrido até o o Alto de Castro de Herville, en Mos, cun terreo de media montaña que discorría principalmente polo sur da provincia no que destacaban até catro ascensións puntuables.