Importante vitoria do Tenis de Mesa Monte Porreiro ante o Arteal na Superdivisión masculina

Pontevedra
18 de novembro 2019

O conxunto pontevedrés, que acumulaba tres xornadas sen sumar puntos, venceu no duelo galego e afástase dos postos de descenso

Enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Arteal en Príncipe Felipe
Enfrontamento entre TM Monte Porreiro e Arteal en Príncipe Felipe / Diego Torrado

Paso á fronte do Tenis de Mesa Monte Porreiro na máxima categoría masculina, a Superdivisión, despois de lograr a súa terceira vitoria da tempada na visita do Arteal.

Os pontevedreses, que levaban tres xornadas sen sumar, superaron ao seu rival no duelo galego con autoridade e vanse aos 6 puntos, afastándose así a 4 da zona de descenso.

Sobre a pista do pavillón de Príncipe Felipe, o Visit Pontevedra levou a iniciativa desde o primeiro punto, que lle deu Horacio Cifuentes ao vencer a José Enio Mendes.

O Arteal reaccionou empatando ao superar o seu xogador Humberto Manhani ao local Martín Betancor, pero a partir de aí non houbo cor. O Monte Porreiro sentenciou cos triunfos de Nico Galvano e Horacio Cifuentes sobre Moisés Álvarez e Humberto Manhani respectivamente.

Con todo decidido o Arteal sumou o seu segundo punto e Martín Betancor redondeou o 4-2 final para os pontevedreses.

Na próxima xornada, a sétima da Superdivisión, o Tenis de Mesa Monte Porreiro visitará ao AD Vincios, cuarto clasificado cun punto máis (7).