Impulso ao proxecto de reforma integral da nave de deportes náuticos das Corbaceiras

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

O Concello de Pontevedra comprometeuse a achegar máis de 375.000 euros para renovar as instalacións que ocupan a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e o Club SAPO, estando supeditado o proxecto á renovación da concesión por parte de Portos de Galicia

Tino Fernández e Óscar Ponte na nave de deportes náuticos das Corbaceiras
Tino Fernández e Óscar Ponte na nave de deportes náuticos das Corbaceiras / Concello de Pontevedra

A renovación da nave de deportes náuticos que ocupan no peirao das Corbaceiras a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e o Club SAPO de  Salvemento é unha vella reivindicación que está un paso máis preto de converterse en realidade.

O edil de Deportes, Tino Fernández, asinou unha proposta de protocolo de colaboración co club de piragüismo, concesionario das instalacións ao ser terreos pertencentes a Portos de Galicia.

Nese protocolo o Concello comprométese a investir máis de 375.000 euros para a modernización da nave.

Este acordo vai ser levado agora á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación, estando supeditado a que Portos de Galicia renove á Escuela de Piragüismo a súa concesión por un mínimo de 20 anos.

"A través deste protocolo determínanse o custo e o financiamento das obras necesarias para conservación, rehabilitación e reforma integral destas instalacións, garantindo a seguridade das persoas usuarias e o mantemento do seu uso deportivo sen ánimo de lucro para o fomento da práctica deportiva e demais deportes náuticos. En base a este acordo, o Concello achega unha memoria cun programa de necesidades elaborada polo Servizo de Deportes e unha valoración económica realizada polo Servizo de Arquitectura, destinando unha achega económica de 375.170 euros", explicou Fernández.

Ademais de entregar un proxecto de execución á entidade deportiva, o protocolo establece o compromiso de outorgar unha subvención ao club polo importe do proxecto, xa lles correspondería a eles realizar a contratación dos traballos.