Iñaki Leonardo reforza o Arosa para "axudar a que volva á categoría que merece"

O Salnés
30 de xaneiro 2024

O centrocampista ferrolán, procedente do Fabril de Segunda RFEF, foi presentado este martes na Lomba como novo xogador do club arlequinado

Iñaki Leonardo, presentado como novo xogador do Arosa Arosa SC

O Arosa refórzase para afrontar o tramo final da tempada.

O club arlequinado presentou este martes na Lomba o futbolista Iñaki Leonardo, centrocampista ferrolán de 22 anos procedente do RC Deportivo Fabril.

Xogador importante a pasada campaña no filial deportivista, este curso perdera peso no equipo en Segunda Federación. Chega desta forma a Vilagarcía co obxectivo de "axudar a que o Arosa volva á categoría que merece estar, que é como mínimo Segunda RFEF", explicou.

Leonardo defínese como "un xogador versátil que pode xogar en varias posicións" e ao que lle gusta "romper liñas en condución e asociándome, pero sobre todo considérome un xogador que se entrega moito no traballo defensivo e que gaña duelos".

Luisito pola súa banda incidiu en que "tal e como xogamos nos encaixa en varias posicións", dando importancia ao feito de que "non é un futbolista que teña gol pero se que xenera, e iso interésanos".

A presentación da nova fichaxe arosista contou tamén coa presenza do presidente, Manolo Abalo, para quen Iñaki Leonardo pode ser "un xogador importante, xoven e con proxección aínda".