Indignación en Pontevedra pola exclusión do Teucro de ASOBAL

Pontevedra
17 de xullo 2015

A pesar de que dende o club fan un chamamento á tranquilidade e confían na intervención da Federación Española de Balonmán, a sorprendente decisión de ASOBAL de excluír a SD Teucro e o Cangas da competición, alegando incumprimentos en materia económica, indignou á afección pontevedresa    

Tempo morto do Teucro no partido de Copa ante o Ángel Ximénez
Tempo morto do Teucro no partido de Copa ante o Ángel Ximénez / Diego Torrado

A sorprendente decisión de ASOBAL de excluír a SD Teucro e o Cangas da competición, alegando incumprimentos en materia económica, indignou á afección pontevedresa a pesar de que dende ambos os dous clubs fan un chamamento á tranquilidade e confían na intervención da Federación Española de Balonmán para que, finalmente, os pontevedreses poidan competir a próxima tempada na máxima categoría.

O certo é que a expulsión por parte de ASOBAL de Teucro e Cangas incendiou as redes sociais dende o mesmo momento no que a liga emitiu un comunicado anunciado a súa decisión. Foron moitos os afeccionados, deportistas e personalidades de relevancia pública que mostraron o seu enfado cunha resolución que cualificaron como indigna, irracional ou propia de actitudes que deberían estar erradicadas do deporte.

 

REUNIÓN URXENTE NA FEDERACIÓN

En todo caso, ante a decisión de ASOBAL, a Real Federación Española de Balonmán decidiu convocar, con carácter de urxencia, unha reunión da Comisión de Seguimento para o próximo día 24 xullo, para analizar a situación formulada e adoptar as decisións oportunas. Tanto Teucro coma Cangas confían en que o ente federativo dea marcha atrás nesta resolución e se lles permita competir a próxima tempada.

Pola súa banda, a Federación Galega cualifican este feito como unha "grave ilegalidade" e acusan a ASOBAL de querer dirixir o balonmán español, algo que, segundo o seu presidente, José Luis Pérez Ouro, "non se pode permitir". Asegura que esta decisión van en contra de todo o balonmán galego e avanzou que pedirán amparo mesmo ante o Consello Superior de Deportes.