O Club de Remo Ría de Marín xa ten aberto o prazo de inscrición para o seu curso de verán, que se celebrará entre o 20 de xullo e o 20 de agosto.
Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos que, como única condición para participar, deberán saber nadar. As prazas son limitadas.
Para obter máis información ou formalizar a inscrición, poderá facerse a través do teléfono 669 957 267 ou do correo electrónico [email protected].
A convocatoria deste curso chega tras os bos resultados asinados esta fin de semana no Campionato de España de Remo Olímpico, disputado no encoro de Banyoles (Xirona), onde o club marinense tivo representación nas categorías cadete, xuvenil e sub23.
A Ría de Marín conseguiu subir ao podio nacional cunha medalla de bronce e finalizou na 23ª posición do medalleiro xeral entre un total de 61 clubs participantes. Ademais, compartiu posto con entidades como o Barcelona Club de Rem, o Real Club Náutico Torrevieja ou Ur Kirolak.
Así mesmo, a achega dos seus deportistas resultou clave para que Galicia se alzase co cuarto posto na clasificación por autonomías da Copa do Rei.
No apartado individual, destacou Xián Gutiérrez, que logrou o bronce en skiff xuvenil. Tamén competiron nesta categoría Anxo Blanco e Xairo Rivadulla, que finalizaron na 17ª posición en dobre scull.
En sub23, Níobe Barreiro e Saioa Igrexas asinaron un quinto posto en dobre scull feminino, mentres que Marta García foi sexta en skiff e Breogán Fariña terminou décimo na mesma modalidade.
En categoría cadete, Breogán Gutiérrez e Gorka Rivadulla concluíron na 19ª posición en dobre scull.
Como recoñecemento ao seu rendemento, Xián Gutiérrez foi convocado pola selección española sub19 e incorporarase á concentración no Centro de Especialización de Alto Rendemento da Cartuxa (Sevilla), onde preparará as próximas competicións internacionais do verán.