Inxusta derrota do Teucro ante o Benidorm nun partido de alta voltaxe (27-28)

Pontevedra
19 de marzo 2016

Un gol de Grau a falta de tres segundos decidiu un partido polémico na súa recta final e que os azuis chegaron a ter encamiñado ata que unha discutida exclusión de Carró por reiteración permitiu aos visitantes recuperar a renda perdida. O Teucro segue en postos de descenso

Partido entre Teucro e Benidorm

Era conciente o Teucro do moito que se xogaba este sábado no Municipal ante o Balonmano Benidorm, como tamén o era un público que apoiou como nunca aos guerreiros azuis, mesmo tras o inxusto final no que un gol de Grau a falta de tres segundos botou por terra o bo traballo dos pontevedreses.

Chegaban á cita os homes adestrador por Quique Domínguez despois de 12 xornadas sen gañar e coa necesidade de sumar para saír do descenso, e esa ansiedade notouse nuns primeiros minutos nos que a precipitación en ataque permitiu ao Benidorm poñer un parcial de saída de 2-5.

Tras unha leve reacción o cadro valenciano aumentou a súa renda a catro goles (7-11) da man dun Jiménez sobresaliente, pero entón se serenaron os locais e empezaron a remar.

A defensa, cun cambio a 5-1, empezou a funcionar, unha tónica que xa se mantería na volta a un 6-0 que non se achicou, incluído un Carlos Gehrhardt que subía desde o filial de Autonómica para cubrir a baixa de Iván Fernández e figurou no sete inicial sumando minutos de nivel na rotación defensiva.

Os azuis apertaron entón o marcador ata o 11-12 co que se chegou ao intermedio, e continuaron coa tónica no inicio do segundo tempo. Un roubo de Edu en inferioridade e o gol en contraataque permitía aos de Quique Domínguez tomar a dianteira (13-12).

Apareceu entón Mijuskovic na portería visitante para desequilibrar nun parcial de 0-4. Íaselle de novo o choque ao Teucro e Domínguez tivo que pedir tempo morto. Deu efecto, á volta a velocidade de Balenciaga empezou a volver tola á zaga do Benidorm e pronto volvía a igualdade ao electrónico (17-17, min.42).

Empezaba entón un choque de alta tensión que parecía decantarse aos poucos para os azuis, máis intensos en pista e axudados pola súa afección (24-22, min.51). Foi aí, cando unha polémica exclusión de Carró por reiteración permitiu respirar ao Benidorm cando peor o pasaba para volver ao partido.

Tivo de novo dous goles de renda o Teucro e os visitantes igualaron no intercambio de golpes. Puido caer o partido para calquera bando, pero unha gran intervención Mijuskovic a falta de minuto e medio e o posterior gol de Jiménez poñían as cousas moi complicadas. Empatou Dani Hernández a falta de 20 segundos, pero o Teucro non puido defender con éxito a última xogada e Grau deulle, case sobre a bucina, o triunfo aos seus.

Duro e inmerecido golpe para os pontevedreses, que a pesar da derrota fixeron honra ao seu alcume de guerreiros demostrando que seguirán pelexando ata a extenuación pola permanencia.

SD TEUCRO (27): Amérigo, Balenciaga (5), Carlos Gerhardt, Víctor Rodríguez, Carró (5), Pichel, Carlos García -sete inicial- Dani Hernández (11,6p), Rial (1), Edu Moledo (2), Samu Gómez (1), Chapela (3), Román Pedreira, Andrés Delgado.

BM BENIDORM (28): Mijuskovic, Cuartero (6,3p), Jiménez (8), Javi Sánchez (3), Salinas (6), Grau (4), Víctor Sáez (1) -sete inicial- Chernov, Amarelle (1), Vallés, Fab, Moyano.

Árbitros: Fernández Molina e Murillo Castro. Excluíron a Víctor Rodríguez (2) e Carró no Teucro e a Chernov, Grau e Salinas (2) no Benidorm.

Marcador cada cinco minutos: 1-2, 1-3, 5-6, 7-10, 10-12, 11-12, descanso, 13-14, 15-17, 19-20, 23-22, 25-24, 28-29.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante preto de 2.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio na memoria do expresidente del Teucro, José Manuel Vázquez Piay.