Reacción tardía do Teucro ante un bo Granollers (30-33)

Pontevedra
30 de marzo 2016

Os pontevedreses, que chegaron a ir nove goles abaixo no marcador mediada a segunda metade, chegaron a crer na remontada nos minutos finais, pero faltoulles tempo e o Granollers quedou cos valiosos puntos en xogo

Partido entre Teucro e Granollers
Partido entre Teucro e Granollers /

Avisaba na previa Quique Domínguez que os erros de lanzamento e perdas de balón o Granollers castigábaos como case ningún equipo da Liga Asobal, e demostrouno no Pavillón Municipal dos Deportes.

Os azuis víronse claramente superados durante un terzo do choque por un Granollers que marcou territorio desde o inicio facendo gala dunha gran velocidade no ataque e transición que o Teucro non era capaz de controlar.

Tentouno primeiro Quique Domínguez, tras un 3-8 de saída, cun dobre cambio no ataque dando entrada a Chapela e Rial. O equipo mellorou e reduciu lixeiramente (10-13), pero o cadro catalán volveu ás andadas para cun parcial de 0-5 abrir a primeira brecha importante (10-18). Era o minuto 23 e os azuis, a pesar de non estar cómodos, tiraron de orgullo para tentar chegar con vida ao intermedio (13-18).

Comezou máis equilibrado o segundo tempo, co Granollers facendo gala de fondo de armario controlando o partido e a distancia co seu rival. O técnico pontevedrés tentou entón un cambio en defensa e pasou a unha mixta con Balenciaga e Román de avanzados. Parecía funcionar (20-24) pero os visitantes deron entón un empurrón que parecía definitivo.

No medio da polémica, que levou a Quique Domínguez a perder os nervios tras unha discutida falta en ataque e ser expulsado, os de Carlos Viver conseguiron outro parcial de 0-5 ao seu favor para conseguir a máxima renda mediado o segundo acto (20-29).

Ninguén daba un duro entón polo Teucro, menos uns xogadores que apelaron a súa inquebratable fe e á dos seus afeccionados para meterse no choque. Incomprensiblemente o Granollers apagouse ofensivamente ante a aberta e de súpeto intensa defensa azul. Así foron caendo os goles ata asinar un parcial de 7-1, con catro tantos seguidos de Rial, que metían o medo no corpo dos cataláns (27-30 no minuto 53).

Viver pedía tempo morto para parar a sangría e conseguiuno. Estabilizouse a renda nuns vibrantes últimos minutos nos que o cadro teucrista seguiuno tentando. Faltou tempo e os valiosos puntos en xogo voaron do Municipal para un Teucro que queda a tres puntos da zona de permanencia.

SD TEUCRO (30): Amérigo, Balenciaga (3), Pichel (3), Víctor Rodríguez (2), Carró (3), Carlos García (2), Carlos Gehrhartd -sete inicial- Arkaitz (2), Chapela (2), Rial (8), Dani Hernández (4, 2p), Edu Moledo (1), Samu Gómez, Román Pedreira, Andrés Delgado.

BM GRANOLLERS (33): Almeida, Arnau (3), Figueras (7), Ferrán Solé (8, 1p), Cañellas (1), Resina (8), Fernando Pacheco (1) -sete inicial- Selicani, Porras, Blanxart (1), Marc García, Álvaro Ferrer, Adrià Pérez (2), Alejandro Márquez (2).

Árbitros: Bustamante López e Martín Lorente. Excluíron a Rial no Teucro e a Fernando Pacheco, Selicani e Marc García no Granollers. Mostraron o cartón vermello directo ao adestrador local, Quique Domínguez, por protestar (min.42).

Marcador cada cinco minutos: 2-5, 4-9, 8-13, 10-15, 11-18, 14-20, descanso, 16-22, 19-24, 20-28, 23-30, 27-31, 30-33.

Incidencias: Partido da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 1.000 espectadores.