Valiosa experiencia para Irene Trabazo en Francia nunha nova participación na Copa do Mundo de Ciclocrós, na proba de Nommay que afrontou dentro da súa preparación para o Campionato do Mundo da especialidade á que foi convocada.
A ciclista marinense cruzou a liña de meta no posto 39, o que supón a súa mellor clasificación na proba da Copa do Mundo, entrando ademais no top-10 da categoría sub-23.
Irene investiu 52 minutos e 34 segundo en completar o percorrido, a 7:31 da vencedora, a estadounidense Katherine Compton.
Dentro da súa preparación para o Mundial de Valkenburg, a deportista do Marín-Ottoman repetirá experiencia a próxima fin de semana na última cita puntuable da Copa do Mundo en Hoogerheide, nos Países Baixos.
En Nommay, o ciclocrós galego contou ademais cunha nutrida representación e notables resultados, como a décima posición do junior Carlos Canal, mentres que Iván Feijóo foi vixésimo segundo na categoría sub-23 masculina.