Irene Trabazo continúa intratable na Copa de España de Ciclocrós

Marín
11 de novembro 2015

A ciclista marinense impúxose nas catro probas disputadas ata o momento e comanda a clasificación xeral en categoría junior, aínda que unha sanción minimizou a súa renda

Irene Trabazo no podio do XI Trofeo San Andrés de Ciclocrós
Irene Trabazo no podio do XI Trofeo San Andrés de Ciclocrós / Real Federación Española de Ciclismo

Non ten rival Irene Trabazo no inicio da tempada de ciclocrós, a tenor do ocorrido nas catro primeiras citas da Copa de España.

A ciclista marinense logrou a pasada fin de semana no País Vasco un dobre tirunfo para completar o pleno de vitorias ata o momento, con todo unha sanción por non vestir nunha das carreiras a camisola de líder fai que a vantaxe á fronte da clasificación xeral sexa mínima.

No XI Trofeo San Andrés, terceira proba puntuable da Copa de España, Trabazo sacou 1:17 á segunda clasificada, Magda Durán, e 1:37 á tamén galega Sara Trigo.

"É verdade que agora mesmo estou por encima das miñas rivais, pero todo vai dar moitas voltas ata o Campionato de España, que é o meu gran obxectivo e o de todas", sinalou a ciclista do Marín-Ottoman á Real Federación Española de Cilismo tras a proba.

Só un día despois repetía triunfo, na Elorrioko Udala Saria Ziklokrossa, por diante esta vez de Sofía Rodríguez a 1:05 e de Sara Trigo, que chegou a 1:38.

Na xeral da categoría junior, Irene Trabazo mantense líder con 75 puntos, tras perder 25 pola mencionada sanción. Segunda é polo momento Sofía Rodríguez con 72 puntos e terceira Sara Trigo con 58.

A Copa de España de Ciclocrós vivirá a súa quinta puntuable o domingo 15 de novembro co VII Gran Premio Lles Franqueses (Barcelona).