Irene Trabazo e Iván Feijóo estrean a tempada galega de ciclocrós vencendo en Poio

Poio
08 de outubro 2018

A segunda edición do Ciclocrós Poio Móvese, celebrado este domingo na zona da Seca, serviu para inaugurar a tempada invernal e a Copa Galicia da especialidade

Podio de honra do segundo ciclocrós Poio Móvese
Podio de honra do segundo ciclocrós Poio Móvese / Federación Galega de Ciclismo

A segunda edición do Ciclocrós Poio Móvese, celebrada este domingo na zona da Seca, serviu de inauguración da tempada de inverno para o ciclismo autonómico.

A proba, primeira do calendario da Copa Galicia de Ciclocrós, confirmou a superioridade de Irene Trabazo (Club Ciclista Marín) na proba feminina e de Iván Feijóo (Maceda) na masculina.

O evento bateu os rexistros de 2017 coa presenza de 91 participantes na categoría máster 40 que xunto aos máster 50 foron os encargados de abrir o programa de competición do día. O portugués Antonio Sousa entre os 50 e Xacob Agra en 40 foron os mellores neste pelotón.

En máster 30 alcanzouse o medio cento de participantes con vitoria para Andrés Calvete, mentres que en cadetes venceron Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Laura Capa (Marín). Xoel Montes e Carla Fernández completaron a nómina de gañadores na categoría júnior.

A tempada galega de ciclocrós xa non para e mira cara ás súas próximas citas, o venres 12 en Santiago de Compostela e o domingo día 14 en Marín coa estrea dunha proba de carácter internacional.