Irene Trabazo exhíbese sobre o barro compostelán na terceira parada da Copa Galicia de Ciclocrós

Marín
09 de decembro 2020

A terceira xornada da Copa Galicia de Ciclocrós foi a primeira da temporada marcada polo barro, cos dous grandes favoritos cumprindo os prognósticos

Irene Trabazo (centro) no podio da Copa Galicia de Ciclocrós en Santiago Federación Galega de Piragüismo

O frío e a choiva fixeron aparición na terceira proba puntuable da Copa Galicia de Ciclocrós, disputada este martes 8 de decembro en Santiago de Compostela.

Con eses ingredientes a lama fixo aparición por primeira vez esta tempada facendo moito máis esixente o circuíto deseñado nas inmediacións do estadio  Vero Boquete San Lázaro, e o certo é que os dous grandes favoritos ao triunfo cumpriron as expectativas.

Un deles era a marinense Irene Trabazo, que se exhibiu na proba elite e sub-23 feminina prolongando o seu pleno de vitorias no certame autonómico.

Trabazo (XSM) gañou cunha ampla marxe sobre os seus rivais, ao chegar a meta cun tempo de 54 minutos e 15 segundos, superando en máis de 6 minutos á segunda clasificada Xiana Conde (Maceda). Completou o podio María Jesús Barros (Spol).

Pola súa banda na carreira masculina o sub-23 Iván Feijóo estreouse esta campaña na Copa Galicia tras o seu histórico terceiro posto nunha proba da Copa do Mundo, e fíxoo remontando desde os últimos postos e situándose na cabeza antes de que concluíse xa a primeira volta. Foi tamén un triunfo contundente que tivo a Daniel López (Cambre) na segunda posición e a Brais Sendín ( Louriña) na terceira.

Héctor García (Poio Bike Club) asinou á súa vez unha meritoria segunda posición na categoría cadete.