Os irmáns Chamosa, reclamo do Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista no CGTD

Pontevedra
18 de novembro 2025
Actualizado: 19 de novembro

A competición autonómica celebrarase o vindeiro sábado 22 de novembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra con máis de 150 deportistas inscritos

Antía Chamosa, no Campionato Galego de Marcha o aire libre no CGTD
Antía Chamosa, no Campionato Galego de Marcha o aire libre no CGTD / Cristina Saiz

Cita co atletismo este sábado 22 de novembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

A instalación pontevedresa acollerá o Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de Inverno.

Unha cita na que participarán máis de 150 atletas.

Entre eles destacan dous pontevedreses como Antía e Daniel Chamosa, flamantes finalistas no último Campionato do Mundo e que afrontarán en casa unha das primeiras competicións da tempada.

Chegan ao campionato tras brillar na tradicional Espada Toledana.

Ademais dos dous deportistas da Sociedad Gimnástica, destaca a presenza do campión mundial máster Juan Manuel Morales (Marineda At) ou de Nicolás Collazo (Ames), medallista nacional sub18, na categoría masculina e tamén da campioa nacional sub18 Icía Ares (Ourense Atletismo) na feminina.

A competición ten previsto o seu inicio ás 10.00 horas, baixo unha distancia de 5.000 metros.