Un reto continental para seguir crecendo e consolidarse entre a elite da marcha atlética internacional.
Antía e Daniel Chamosa afrontarán o vindeiro domingo 18 de maio un ilusinante Campionato de Europa de Marcha na localidade checa de Podebrady.
Á cita chegará Antía tras un brillante dobrete nos campionatos de España de 35 km (Marín) e 20 quilómetros (San Pedro de Pinatar).
A atleta pontevedresa da Gimnástica competirá nos 20 quilómetros marcha, distancia olímpica na que estableceu no último nacional unha nova marca galega (1:27:55) que supuña ademais a quinta mellor marca española da historia e a colocaba como líder continental do ano.
O certo é que Antía chegará á cita no noveno posto do ranking europeo e no 27 mundial, co obxectivo de seguir crecendo e, por que non, soñar cun bo resultado.
En canto a Dani Chamosa, o Europeo de Podebrady será a súa estrea no equipo nacional absoluto. Competirá nos 35 quilómetros, distancia na que conseguiu a medalla de prata no Campionato de España celebrado en Marín coa cuarta mellor marca estatal de sempre (2:29:18).
Dani será o primeiro en competir, nunha proba que arrincará ás 7.30 horas do domingo, mentres que a súa irmá arrincará a súa participación ás 12.35 horas.
Ambas as probas poderán seguirse en directo na canle de Youtube de European Athletics.