Iván Calvo, unha renovación en clave defensiva para o Cisne

Pontevedra
02 de xuño 2020

A do pivote é a sexta renovación no conxunto pontevedrés para o seu debut na Liga Asobal de balonmán. Será a súa segunda tempada no equipo

Iván Calvo (co número 15) no partido entre Cisne e Bordils no CGTD
Iván Calvo (co número 15) no partido entre Cisne e Bordils no CGTD / Diego Torrado

O Club Cisne segue avanzando con paso firme na composición do plantel coa que debutará a próxima tempada na Liga Asobal de balonmán, na que a aposta será a continuidade.

Así aínda que se empezan a vincular ao club pontevedrés nomes de posibles fichaxes como o do seu ex-xogador Carlos Pombo ou o do ex-teucrista Gonzalo  Carró, a prioridade pasa polo momento polas renovacións.

Neste apartado Iván Calvo converteuse este martes no sexto home que confirma a súa continuidade no equipo.

O pivote, peza importante sobre todo a nivel defensivo nos plans de Jabato, afrontará así a súa segunda campaña no Cisne, ao que chegou o pasado verán procedente do Lavadores.

"Estou moi contento", recoñeceu tras a súa renovación antes de sinalar que "espero vervos a todos e a todas no Municipal animándonos que esta temporada máis que nunca necesitamos o voso apoio".

Iván Calvo únese a unha lista de confirmados no Cisne de Asobal na que xa figuraban Álvaro Preciado, Pablo Gayoso, Dani López, Jose Leiras e o gardameta Jorge Villamarín.