Iván García goza do taekwondo "no seu estado máis puro" visitando unha escola de Tailandia

Marín
27 de novembro 2025

O marinense, tras participar no Grand Prix de Bangkok, aproveitou a súa estancia en Tailandia para adestrar cunha escola deportiva local. "Estes momentos son os que máis me enchen", asegura

Iván García visita a escola de Master Khem Taweesilp en Tailandia
Iván García visita a escola de Master Khem Taweesilp en Tailandia / Master Khem Taweesilp

Non todo é competir no deporte de elite.

Que llo digan a Iván García, que visibilizou a experiencia vivida estes días en Tailandia compartindo vivencias e adestramento cunha escola deportiva local, a de Master Khem Taweesilp.

Toda "unha fábrica de auténticos talentos do taekwondo", tal e como a define o marinense.

Fíxoo tras participar no recente Grand Prix Challengue de Bangkok, un dos eventos internacionais de maior nivel e no que finalizou en quinta posición.

"Ás veces na nosa carreira estamos demasiado centrados en que todo saia ben que se nos esquece gozar. Hai pouco deime conta de que estes momentos son os que máis me enchen, mesmo máis que gañar calquera medalla", afirmou o deportista do Club Mat's tras empaparse da ilusión dos mozos taekwondistas tailandeses.

"Levo anos vendo vídeos seus de como adestran, de como fan para ser tan bos tan novos e mesmo absorbendo ideas para practicar. Onte tiven a oportunidade de poder estar con eles e velo de man a man. De verdade que é un pracer gozar así do taekwondo no seu estado máis puro", asegura.

O subcampión mundial en 2022 dá as grazas a Tailandia "por permitirme gozar tanto de algo tan noso, do noso querido deporte no seu maior esplendor".

Unha sesión de adestramento que foi tamén compartida pola escola de Master Khem Taweesilp, agradecendo a presenza de Iván no seu ximnasio.