Jabato: "Para min é un soño ascender o Cisne"

Pontevedra
05 de maio 2020

O adestrador do conxunto pontevedrés asegura que "aínda non mo creo", pero pensa que o histórico ascenso é un premio ao traballo realizado polos seus xogadores durante toda a tempada. "O que máis desexo é xuntarnos para celebralo", explica

Jabato nun adestramento do Cisne
Jabato nun adestramento do Cisne / Mónica Patxot

"Aínda non mo creo", asegura Javier Fernández 'Jabato', adestrador do Club Cisne tras o histórico ascenso do conxunto pontevedrés á Liga Asobal por primeira vez na súa historia.

Era unha decisión esperada, pero non por iso deixou de ser festexada por todo o club, aínda que sexa desde a distancia. "O que máis desexo é xuntarnos cos xogadores para celebralo", recoñece o técnico sabendo que iso aínda terá que esperar.

O Cisne non entraba entre a terna de favoritos ao comezo de curso, de feito "seguramente se preguntas a todos os adestradores de Prata no verán ningún víanos con opcións de ascender de forma directa", asegura Jabato, pero despois "traballámolo, demostrámolo e tivémonolo que ir crendo aos poucos", defende.

Jabato: "O que máis desexo é xuntarnos cos xogadores para celebralo"

"Obviamente eu tiña moita confianza no equipo que fixeramos para tentar meternos no play-off, que era un pouco que nos quedabamos outra tempada ás portas, pero sempre cos pés no chan", explica o máximo responsable deportivo do equipo, ao que chegou procedente do Octavio e no que sentiu como na casa desde o primeiro momento.

Tanto é así que para o preparador "é un soño ascender co Cisne", sobre todo polo seu proxecto no que tanto peso teñen xogadores saídos da súa canteira e arredores. "Para min é un orgullo sobre todo ver a evolución de moitos dos xogadores, e como o club foi dando pasos adiante para ser mellor cada ano. Éncheme de orgullo ver como xente que subiron desde xuvenís convertéronse en pezas importantes", recoñece.

Agora, pensando xa no debut na máxima categoría do balonmán nacional, Jabato cre que "toca gozar, primeiro da celebración cando se poida, pero gozar do ano". Iso si, sabendo que "vai haber maior dificultade" e "será duro pero bonito". Un reto que espera con ilusión o Club Cisne e que gañou a pulso.