Experiencia e seguridade para a portería do Club Cisne no que será o seu debut na máxima categoría.
O conxunto pontevedrés anunciou a renovación de Jorge Villamarín, que se converte así no cuarto xogador confirmado para a próxima tempada.
Villamarín chegou a Pontevedra en marzo de 2019 ao equipo procedente do Sinfín, por aquel entón en Asobal, e converteuse desde ese momento en peza importante nos esquemas de Jabato.
"Estou moi feliz", recoñeceu tras a súa renovación, ademais de mostrarse "agradecido de poder seguir formando parte deste proxecto e deste momento tan bonito que está a vivir esta familia que é o Cisne".
O porteiro cisneísta espera que "pase pronto esta situación que estamos a vivir" para primeiro celebrar o ascenso e despois "volver canto antes ás pistas e poder gozar todos xuntos da Liga Asobal".
Esta renovación únese ás de Álvaro Preciado, Jose Leiras e Dani López e responde á folla de roteiro marcado polo presidente do club tras o ascenso, a de tentar manter a gran parte do persoal que logrou o salto de categoría.