Jaime Duro consegue para Pontevedra a primeira medalla do mundial de piragüismo maratón

Pontevedra
01 de outubro 2021

O vigués Iván Alonso logrou a primeira medalla para a expedición galega na xornada inaugural, mentres que Tono Campos, Diego Romero e Jenifer Casal quedaron a escasos segundos do podio

Jenifer Casal, piragüista da EP Ciudad de Pontevedra
Jenifer Casal, piragüista da EP Ciudad de Pontevedra / Fegapi

A delegación pontevedresa do mundial de piragüismo na modalidade de maratón que se está disputando estes días na cidade romanesa de Bascov xa ten a súa primeira medalla. Conseguiuna o padeeiro sub 23 da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra (EPCP) Jaime Duro ao concluír en segunda posición a regata do C1 da súa categoría que se comezou ás 8.55 horas deste venres.

O novo deportista cruzou a meta cunha marca de 1:48:10, a só 30 segundos do campión do mundo, o húngaro Daniel Laczo. O terceiro banzo do podio ocupouno Sergio Maciel, que tardou máis dun minuto que o pontevedrés en remar os 22,60 quilómetros de percorrido.

Non foi a única boa noticia do campionato para os padeeiros galegos. Na xornada anterior o vigués Iván Alonso conseguiu a primeira medalla cun bronce na proba curta. Meritorio foi tamén o cuarto e quinto posto de Tono Campos e Diego Romero, que volverán pelexar por subirse ao podio este sábado. 

A padeeira do EPCP Jenifer Casal debutou tamén na xornada do xoves na proba curta do C1, na que acabou quinta e coa vista posta xa na carreira longa que está prevista para as 7.20 horas deste sábado.