Seis días despois de proclamarse por terceira vez campión das Series Mundiais de Triatlón, Javi Gómez Noya volveu a subirse todo o máis alto do podio. De Londres a Pekín. Na capital chinesa, volveu a demostrar o gran momento de forma que atravesa. A proba, á que se accedía por invitación, está organizada como forma de popularizar o tríatlon na China.
Esta vez sen os irmáns Brownlee en acción, Javi Gómez Noya dominou a proba desde o segmento de natación. Saíu primeiro da auga con 20 segundos de vantaxe sobre o estadounidense Brian Fleischmann. Pero nos 40 quilómetros sobre a bicicleta saíulle un duro rival, o australiano Greg Bennett, que lle deu caza e ata lle superou antes de comezar o terceiro sector.
Pero non houbo maior problema. O altísimo ritmo que Gómez Noya impuxo na carreira a pé foi imposible de soportar para Bennett. A partir de aí, foi todo un monólogo do atleta afincado en Pontevedra. Tanto que concluíu cunha vantaxe de 1:38 sobre o australiano. O estadounidense Brian Fleischmann foi terceiro.
"Sentinme moi ben a pesar do pouco tempo que pasou desde Londres e da viaxe. Xa contaba con saír do auga na cabeza, e ao ser só alcanzado por Bennet durante o ciclismo tiven fácil a terceira fase", dixo Javi Gómez Noya ao remate da proba.
O outro español participante no triatlón pequinés, Mario Mola, clasificouse en sexta posición, o mesmo posto que logrou a española Carolina Routier na categoría feminina.
O atleta galego volverá competir a próxima fin de semana no Grand Prix de Niza.