Javi Gómez Noya, sexto en Londres, mantén o liderado das Series Mundiais de tríatlon

Pontevedra
31 de maio 2014

Javi Gómez Noya non puido conseguir a súa cuarta vitoria consecutiva nas Series Mundiais de tríatlon. Renunciara a competir en Pontevedra pola proba de media distancia que se disputaba este sábado en Londres, pero non foi o seu día. O atleta ferrolano, afincado desde hai anos na cidade do Lérez, acabou na sexta praza. A vitoria foi para outro español, Mario Mola, que logrou o seu primeiro triunfo nunha proba destas características

Javi Gómez Noya, durante unha das probas das Series Mundiais desta tempada Delly Carr / ITU Media

Javi Gómez Noya non puido conseguir a súa cuarta vitoria consecutiva nas Series Mundiais de tríatlon. Renunciara a competir en Pontevedra pola proba de media distancia que se disputaba este sábado en Londres, pero non foi o seu día. O atleta ferrolano, afincado desde hai anos na cidade do Lérez, acabou na sexta praza. A vitoria foi para outro español, Mario Mola, que logrou o seu primeiro triunfo nunha proba destas características.

Mario Mola completou a carreira, disputada en modalidade sprint (750 metros de natación, vinte quilómetros en bicicleta e cinco máis de carreira a pé), cun tempo de 49 minutos e 46 segundos. Avantaxou en tres ao surafricano Richard Murray, que foi segundo, e ao portugués Joao Pereira. Antes que Javi Gómez Noya, que acabou a 14 segundos do mallorquín, entraron os irmáns Bronwnlee, Alistair e Jonathan, a seis e doce segundos, respectivamente.

Javier Gómez Noya, vencedor das tres primeiras citas do campionato, lideraba a carreira ao chegar ao tramo final, pero non puido responder ao duro ataque que realizou Mario Mola nos últimos quilómetros e terminou fóra do podio. El mesmo recoñecía na súa conta de Twitter que se notou falto de forzas desde o principio da carreira.

Malia este resultado, Javi Gómez Noya mantén o liderato das Series Mundiais de tríatlon tralas catro probas disputadas. Acumula 2.942 puntos, polos 2.852 de Jonathan Brownlee. Terceiro é Mario Mola, vencedor en Londres, con 2.687 puntos. Na décimo terceira posición da clasificación, con 888 puntos, está outro atleta que vive e adestra en Pontevedra, Fernando Alarza, que concluíu no posto 55 na capital británica.

A próxima cita coas Series Mundiais de tríatlon será do 27 ao 29 de xuño en Chicago.