O VIII RallyMix Cuntis Vila Termal coroou esta fin de semana a Javier Ramilo 'Kobas' como pentacampión galego de RallyMix, tras unha remontada memorable ao recuperar máis de vinte segundos perdidos na primeira manga.
O piloto de Carballo, que finalizou cun tempo de 41:44.221, sobrepúxose ás dificultades iniciais e acabou adxudicándose a vitoria nun campionato que el mesmo cualificou como "o máis disputado de todos".

A pugna polo triunfo mantívose até a última pasada, protagonizada por un combativo Alfonso 'Pisko' Ventín, que lle puxo as cousas moi difíciles a 'Kobas' e mantivo a emoción até o final.
Ventín, grazas a un excelente scratch no TC Plus, logrou reducir a distancia a só 3,370 segundos, pero acabou cedendo ante o empuxe do campión e quedou coa segunda praza.
O terceiro banzo do podio estivo marcado polos abandonos no último tramo de Alejandro Fariña e Darío Calviño, que até ese momento pelexaban pola praza.
Aproveitando a situación, Antonio Viloria asinou un inesperado terceiro posto na clase A (quinto na xeral) cun tempo de 42:56.500.
Máxima igualdade tamén houbo na clase B, reservada aos turismos.
Manuel Osorio e Alberto dos Reis levaron a vitoria da categoría, ademais dunha destacada terceira posición absoluta cun crono de 42:57.110 ao volante do seu Skoda Fabia R5.
Avantaxaron por apenas seis segundos a Iago Caamaño e Alberto Rodríguez, que lograron a cuarta posición absoluta con 43:03.168 tras mellorar os seus rexistros no paso das especiais.
Os irmáns Tino e Jorge Iglesias completaron o podio da clase B con 43:41.454 e manteñen viva a loita polo títilo, que se decidirá na última cita do calendario, en Barbadás.