Jéssica Bouzas cae na fase previa de Roland Garros tras unha batalla de máis de dúas horas contra a local Fiona Ferro

O Salnés
23 de maio 2023

A tenista vilagarciá non puido avanzar na súa estrea no grand slam terra batida ante unha dura rival, a francesa Fiona Ferro, actualmente cun ranking baixo pero que en 2021 era a raqueta número 39 do mundo

Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo
Jessica Bouzas, nos Xogos do Mediterráneo / Comité Olímpico Español

Este luns 22 de maio Jéssica Bouzas estreaba o mellor ranking da súa carreira, co posto 173 da clasificación WTA, pero a alegría non puido ser completa ao despedirse do seu primeiro Roland Garros na primeira eliminatoria da fase previa.

O certo é que a tenista arousá tiña en fronte a unha dura rival, a francesa Fiona Ferro, que accedeu ao cadro como convidada polo seu baixo ranking actual pero que en 2021 chegou a ser a raqueta número 39 do mundo.

Bouzas vendeu cara a súa derrota en máis de dúas horas de partido e tres intensas mangas.

A primeira caeu de lado da deportista local por 6-3, pero Jéssica devolveu o golpe no segundo set cun claro 1-6. Todo se decidiría no terceiro e último set, que se decantou ao lado de Ferro por 6-1.

A pesar da lóxica decepción Jéssica Bouzas queimou unha nova etapa en París estreándose no grand slam de terra batida nunha tempada na que aspira a seguir progresando no ranking.